CRTVG

Buscar

Así esperta Barcelona tras unha madrugada con graves disturbios

Publicado o 17/10/2019 09:55

Grupos de independentistas cortan desde primeiras horas varios tramos da AP-7 en Tarragona.

A situación nas estradas catalás prevese complicada durante este xoves, xa que, desde primeira hora volverán poñer en marcha as cinco 'Marchas pola liberdade' que onte partiron de diferentes puntos de Cataluña para confluír mañá en Barcelona en protesta pola sentenza do  procés. 

O centro de Barcelona converteuse no escenario dunha batalla campal por segunda noite consecutiva, tras a manifestación que convocaron esta tarde os CDR e que derivou en enfrontamentos entre grupos de manifestantes violentos e policía. Despois de concentrarse na confluencia da Gran Vía coa rúa Marina, unha parte dos manifestantes dirixíronse á conselleria de Interior, onde lanzaron obxectos contundentes aos axentes apostados ao redor do edificio, que responderon con varias cargas.

Ante a resposta policial, varios centenares de mozos violentos dispersáronse polas rúas próximas á consellería de Interior e levantaron barricadas. Tamén tiraron motocicletas ao chan e prenderon lume a contedores de lixo, que fixeron arder coches situados preto do lugar, co que se repetiron escenas de lume nas rúas como as vividas onte á noite no paseo de Gràcia. Os Mossos piden a esta agora non achegarse á zona dos disturbios e alertan de que algúns dos manifestantes lanzan "pedras e obxectos con ácido", mentres camións dos Bombeiros tentan apagar algunhas das múltiples fogueiras acesas na zona.

Os Mossos tamén denunciaron o lanzamento de artefactos pirotécnicos contra un helicóptero policial, igual que fixo a Asociación Unificada de Gardas Civís a través dun vídeo en Twitter.

Nun intento de protexer a conselleria de Interior, situada en rúa Deputación, os Mossos recorreron a cargas e furgonetas deste corpo percorreron a gran velocidade puntos como a praza Tetuán para dispersar os manifestantes. Os manifestantes, algúns deles con carapuchas e a cara tapada, prenderon lume a algúns valos de obra e lanzaron pedras e botellas aos axentes, a pesar de que outros tentaban evitar que adoptasen actitudes violentas.

Os enfrontamentos producíronse cando a concentración convocada na confluencia da Gran Via coa rúa Marina, ata entón pacífica e que reuniu a unhas 22.000 persoas -segundo a Garda Urbana-, trasladouse fronte ao departamento de Interior. Telemadrid denunciou que un dos seus cámaras resultou ferido durante a manifestación, ao recibir o golpe dunha lata lanzada, ao parecer, por algún manifestante.

Cócteles molotov

Arredor das 23.08h os Mossos informaban a través da súa conta de Twitter do lanzamento de cócteles Molotov na liña policial en Gran Vía pola rúa de Nàpols. Continuaba o chío recomendando non achegarse á zona e seguir as indicacións policiais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019