CRTVG

Buscar

Récord de ocupación hoteleira na Ribeira Sacra

Publicado o 04/09/2019 15:35

O conxunto monumental de San Vicente do Pino, en Monforte, é un dos puntos máis visitados da Ribeira Sacra. Nel encóntrase o parador monfortino, que este mes de agosto rexistrou unha ocupación do 98 por cento.

Lilian Ferral, directora do Parador de Monforte: "O ano pasado xa fora un verán moi bo. As expectativas eran de superalo, porque que estamos todos moi entusiasmados con como está indo a Ribeira Sacra, e a verdade é que o conseguimos. Superamos os ingresos do ano pasado nun 4 por cento no mes de agosto. En xullo tamén quedamos un pouco por riba do ano pasado. Estamos moi contentos porque conseguimos en agosto ocupacións por riba do 95 por cento, case no 100 por cento de ocupación, que é moi complicado de conseguir, durante case todos os días".

O récord de ocupación do Parador de Turismo de Monforte non foi unha excepción. En conxunto, nos hoteis da Ribeira Sacra ocupáronse en agosto o 95 por cento das prazas, un cinco por cento máis ca o ano pasado.

Iria Novais, técnica da Oficinal Municipal de Turismo de Monforte: "A verdade é que este verán foi unha cousa desmesurada. Non pensabamos que iamos ter tanta xente este ano. Foi unha auténtica loucura. Atendemos máis de 4.000 persoas no mes de agosto, que na Ribeira Sacra é algo nunca visto".

Respecto ao perfil do visitante, a maior parte é nacional e europeo, aínda que cada vez veñen máis turistas de países asiáticos coma A China ou Corea. Os canóns do Sil, o románico e o viño da Ribeira Sacra figuran entre os principais atractivos da zona.

"A parte natural é excepcional. A Ribeira Sacra é unha pasada. As vistas, o sitio, o viño... E o tapeo, moi bo. E aquí no parador, excelente, coma sempre".

"O trato da xente, marabilloso. Nos hoteis, encantadores. Para a paisaxe, non teño palabras. Vimos a zona do Sil e mais a do Miño e imos impactados".

"Colleu moito pulo a zona histórica ao facer o parador. De verán, aquí en Monforte nótase que hai moito máis forasteiro de visita do que había antes".

Respecto ao resto da provincia de Lugo, a capital séguelle moi de preto á Ribeira Sacra, con case un 95 por cento de ocupación, mentres que na Mariña superou o 90 por cento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019