CRTVG

Buscar

Festas fóra de control, no punto de mira para evitar rebrotes

Publicado o 02/07/2020 08:04

Aumentan os infectados coa covid-19 en España; o último dato, 149 contaxios novos diagnosticados por PCR. Madrid é a comunidade co maior incremento. Séguena as que sofren máis brotes asociados á nova normalidade.

A autonomía con máis focos é Adalucía, once, seis deles en Granada. O do centro da Cruz Vermella de Málaga ten confirmados 105 positivos.

As comarcas aragonesas en fase dúas acumulan, en total, 345 contaxios, con gran afectación entre os traballadores temporeiros. En Cataluña a atención está posta en Lleida. Nos últimos oito días esa provincia contabilizou case 300 infectados máis, con brotes moi diversos: dentro das residencias, por circunstancias laborais ou en momentos de ocio.

Desa maneira, o Ministerio de Sanidade lanza unha campaña que apela á responsabilidade individual, baixo o lema non o tires pola borda. Entramos no verán e preocupan situacións coma esta de Irún, onde suspenderon a festa, pero hóuboa igual, con aglomeracións de centos de persoas. En Pamplona toman nota e o concello lanzou unha campaña en que os sanitarios apelan á precaución ante a proximidade da data do San Fermín.

Chegouse ao punto de actuaren as forzas de seguridade. Ocorreu no País Vasco, en Vitoria, onde as celebracións do título da liga ACB, gañada polo Baskonia, esqueceron clamorosamente as medidas de seguridade fronte á pandemia. Houbo un detido e dous axentes feridos.

Noticias web

02/07/2020