CRTVG

Buscar

Reabre o Val dos Caídos no primeiro día con público tras a exhumación

Publicado o 29/10/2019 10:49
Reabre o Val dos Caídos no primeiro día con público tras a exhumación

O Val dos Caídos volveu a abrir as súas portas este martes con escasa afluencia de público tras a exhumación dos restos do ditador Francisco Franco do pasado xoves.

Poucos curiosos se achegaron ás portas do complexo, que ten, en cambio, grande expectación mediática con numerosos medios de comunicación.

Os primeiros visitantes en acceder ao recinto foi unha parella de moteiros, Rubén e Cristina, que acudiron ao monumento desde Elxe para coñecer de preto a arquitectura.

"Quen estea enterrado dáme igual", dixo Rubén aos numerosos medios concentrados.

Segundo informaron fontes de Patrimonio, a venda de entradas no acceso e por Internet están dispoñibles para este martes e xornadas posteriores, xa que "un fallo técnico" provocou o bloqueo do programa deste sistema e non permitía a compra anticipada.

O horario do monumento é de dez da mañá a seis da tarde, e as normas de visita non se viron alteradas tras os traballos, lembra Patrimonio, quen administra o monumento desde 1982.

O Val dos Caídos permaneceu pechado ao público desde o 11 de outubro para preparar os traballos de exhumación de Franco que levaron a cabo o pasado 24 de outubro e a súa reapertura prodúcese despois de que este luns finalizasen os traballos de reposición das lousas de mármore negro sobre o espazo que ocupou a tumba do ditador.

Durante a última fin de semana de setembro, última data da que se coñecen datos, o sábado 28 o monumento recibiu 3.221 visitas e o domingo 29, 3.329 persoas; o total de visitantes en setembro foi de 30.130.