Reabre ao público o castelo de Pambre
Xa se poden cruzar de novo os muros do castelo de Pambre e subir ao máis alto desta fortaleza para coñecer de preto unha combinación de historia e natureza.
"Quedou unha restauración moi boa e é diversión para nenos e maiores e ademais cultura", sinala unha das visitantes.
As vistas dende a torre, a conservación da fortalezas e a base sobre a que se asenta chaman a atención dos seus visitantes.
"O que máis me sorprendeu é a base do castelo que está construído sobre un penedo", sinala un visitante.
Un percorrido cheo de curiosidade. Esta foi a única fortaleza que resistiu á revolta Irmandiña e conserva as marcas de numerosos canteiros.
" Está moi bonito. A paraxe, as vistas e o castelo son preciosos. Gustounos a todos e estamos na busca do canteiro distinto que non atopamos aínda", sinala unha visitante.
Logo da parada obrigada pola pandemia, o castelo de Pambre retoma de novo a súa actividade.
" Temos os grupos reducidos a 10 persoas en cada visita e non hai que reservar solo vir, mercar a entrada e explícolles como funciona o percorrido", explica Marcos Delgado, guía do castelo de Pambre.
Galegos, de diversos puntos de España ou peregrinos de diversas nacionalidades compoñen o perfil dos seus visitantes. En 2019 pasaron por aquí unha 12.400 persoas.