CRTVG

Buscar

Rachan en Baleira 90 rolos de herba propiedade dun gandeiro

Publicado o 21/11/2019 14:34

Son fotografías dos rolos de herba que algún desaprensivo raxou durante a noite na parroquia de Córneas, en Baleira. O autor ou autores do acto vandálico non se conformaron con cortar o plástico senon que o abriron de todo para que a chuvia e o aire causaran o meirande dano posible na forraxe ensilada. O dono dos rolos cifra as perdas en máis de 3.000 euros porque algúns quedaron inservibles e outros houbo que volvelos encintar, co conseguinte gasto. En total racharon 90 rolos. "Tivemos que pasar un día encintando. Nótase que foi un acto de mala fe porque utilizaron unha navalla e foron facer dano".

O gandeiro non ten idea de quen puido causar a desfeita, porque di que non está inimistado con ningún veciño nin se viu ninguén sospeitoso pola zona estes días. Agora xa presentou denuncia ante a Garda Civil. A semana pasada produciuse un ataque semellante moi preto da capital do concello e estase a investigar se ambos foron obra dos mesmos autores. O gandeiro aínda non sabe se a herba que se volveu enrolar vai ser apta para o consumo das vacas ou incluso se os vándalos lle aplicaron algunha sustancia contaminante.

"Volver encintar é caro, porque a cinta é cara e da traballo. Se se perden os rolos, son máis de 3.000 euros. Eu non estaba e non vimos nada. Os rolos están lonxe da casa".

Cada rolo de herba ten un custo de 35 euros e pode conter ata 600 quilos de forraxe. Así, os 90 rolos raxados poderían alimentar durante meses máis de trinta vacas.

Noticias web

21/11/2019