CRTVG

Buscar

Quinta vítima mortal por coronavirus en Galicia

Publicado o 19/03/2020 14:26

• É un home de 75 con patoloxías previas que estaba no CHUAC

• Hai 444 contaxiados en Galicia, 99 deles hospitalizados e 15 na UCI

Un home de 75 anos ingresado no CHUAC con patoloxías previas é a quinta vítima mortal en Galicia por coronavirus, segundo informan fontes do Sergas.

É a terceira persoa con esta enfermidade que falece na área sanitaria da Coruña. Onte morría tamén no Complexo Hospitalario da Coruña outro home de 72 anos, que igualmente tiña patoloxías anteriores ao coronavirus. Tamén faleceu neste mesmo hospital outro home de 45 anos.

As outras dúas vítimas mortais foron unha anciá de 92 anos de Vigo e un home de 81 de Pontevedra.

444 contaxiados en Galicia

Na útlima actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 444, deles 136 son da área da Coruña, 36 da de Lugo, 46 da de Ourense, 59 da de Pontevedra, 84 da área de Vigo, 68 da de Santiago, e 15 da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, 15 permanecen en UCI, 99 están en unidades de hospitalización e 330 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 4 altas de pacientes e 5 falecementos.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web.