CRTVG

Buscar

Quim Torra asegura que a Generalitat vai tomar as súas propias medidas

Publicado o 12/04/2020 21:13

Quim Torra, Íñigo Urkullu e os presidentes autonómicos do PP coincidían en reclamarlle a Pedro Sánchez máis participación na toma de decisións. O presidente da Generalitat era un dos máis críticos. Alertaba do perigo de repunte dos contaxios co regreso dunha parte da poboación ao traballo.

"As autoridades sanitarias mundiais dinos que non podemos relaxar as medidas de confinamento. O risco dun rebrote e dun segundo confinamento son enormes. É unha irresponsabilidade e unha temeridade", dixo Quim Torra.

Torra tamén advertía que Cataluña tomará as súas propias medidas, entre elas no control das aglomeracións nos centros de traballo e no trasporte público, e anunciaba unha reunión de urxencia do Govern.

O lehendakari Urkullu criticaba o método das reunións e a falta de coordinación coas comunidades. Esixía unha maior cooperación.

"Debemos ofrecer certezas ao conxunto da sociedade, isto esíxenos compartir un método de traballo máis horizontal e cooperativo. Solicito unha reconsideración urxente do método de traballo porque non é admisible a desorientación que provoca", asegurou Urkullu.

O presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, defendía uns novos Pactos da Moncloa para a "reconstrución económica e social" do país e reclamaba que se teñan en conta "todas as miradas".

O presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, pedía "máis liderado do Goberno de España" e poder "achegar ideas antes de ter coñecemento das decisións polas conferencias de prensa". "Sería máis razoable adiantar esta conferencia de presidentes para que as nosas propostas poidan incluírse nesa toma de decisións".

Díaz Ayuso, que chegaba dúas horas tarde á videoconferencia, tras recibir un avión procedente da China con material sanitario, reprochou a Sánchez que "atacase o Goberno de Madrid no Congreso dos Deputados", e lamentou que "non houbese unha desculpa por parte do presidente do Goberno".

Noticias web

12/04/2020