CRTVG

Buscar

Queixas dos bateeiros de Domaio por estragos nas bateas

Publicado o 11/03/2019 14:49

Os bateeiros de Domaio denuncian estragos no peirao e falta de espazo portuario. Ademais da histórica falta de abrigo, que os obriga a trasladarse a Santo Andrián de Cobres, quéixanse de aneis metálicos en mal estado, falta de seguridade e escaleiras vellas de baixada ao mar que ameazan con desprenderse.

Levan anos pedindo unha ampliación e unha mellora das instalacións porque Santo Adrián de Cobres, o peirao de acollida, queda pequeno os días de temporal.

Os bateeiros de Domaio piden melloras neste peirao no que atracan arredor de quince barcos. Quéixanse de falta de mantemento nos amarres e denuncian que algúns dos aneis metálicos están a piques de romper e as escaleiras de acceso aos barcos en mal estado, e piden unha maior vixilancia nos accesos ao peirao.

Un dos maiores problemas é a falta de espazo e sobre todo a falta de abrigo nos días de temporal. Unha situación que os obriga a ter que desprazarse ao peirao de Santo Adrián de Cobres.

Esta situación tamén repercute nos bateeiros de Santo Adrián de Cobres. Aseguran que este peirao nos días de temporal queda pequeno e provoca situacións bastante perigosas á hora de entrar e saír os barcos. E todo isto, cando as condicións atmosféricas son as menos adecuadas.

Os bateeiros de Domaio xa trasladaron as súas peticións ao inspector de Portos, informándoo dos problemas aos que se teñen que enfrontar a diario para tomar as solucións pertinentes.





 

Noticias web

11/03/2019