CRTVG

Buscar

Queiman de madrugada catro colectores en Foz

Publicado o 10/08/2020 14:30

Un acto vandálico semella ser a causa do lume que arrasou catro colectores do lixo no Campo da Cabana de Foz. As lapas comezaron arredor das cinco da mañá e en poucos intres acabaron cos depósitos e chegaron á árbore lindeira. Por fortuna, un operario de limpeza viu o que acontecía e deu aviso os bombeiros, de xeito que se puido actuar a tempo de evitar que o lume chegara a esta terraza que conta con instalación eléctrica. Menos fortuna tivo o coche que estaba ao pé dos colectores.

"A verdade é que a calor que arreaban os colectores era impresionante. Xa se viu que a frontal do coche que estaba a carón quedou derretida."

"Se me chega arder o toldo, sería unha faena. Xa tivemos que estar pechados en xullo e imaxínate se agora me arde a esta terraza".

Nas últimas semanas xa se produciron feitos similares noutras zonas de Foz, coas conseguintes situacións de perigo e cos gastos derivados das desfeitas.

"Hai quince días pasou no Porto Chico, e despois na praza. Isto son falcatruadas e eu creo que se trata da mesma xente sempre".

"Economicamente son un dano grande, porque cada colector custa uns 500 euros. Así que a 'broma'desta noite puido custar entre 2.000 e 3.000 euros".

A Garda Civil xa está a investigar as circunstancias en que se produciu o lume.


 

Noticias web

10/08/2020