CRTVG

Buscar

Queda visto para sentenza o xuízo contra o home que acoitelou a súa ex-parella en Santiago en 2017

Publicado o 01/10/2019 14:27

A vítima correu un risco moi elevado de morrer, tanto pola arma empregada como polas zonas lesionadas. É a conclusión á que chegaron os peritos. Eles foron quen exploraron o investigado e concluíron tamén que non presentaba sinais de deficiencia cognitiva nin trastorno psicótico no momento da entrevista. Engadiron que había unha normalidade psíquica e que malia que tiña un consumo de alcol e drogas prexudicial, tampouco presentaba deterioración psíquica.

Declararon tamén familiares do procesado e coincidiron en que nunca presenciaron ningún acto de violencia nin discutir entre eles dous. Versións ben distintas ás que relataron familiares da vítima. Concretamente súa irmá explicou que a ela lle contara que o acusado mallaba nela cando non levaba cartos suficientes á casa e que ela, ás veces, dáballe diñeiro para evitar que lle pegara.

"Durante estas dúas xornadas, as testemuñas acreditaron como aconteceron os feitos na tarde do 24 de xullo de 2017, como a acoitelaba con vehemecia. Tamén acreditan que houbo un delito de malos tratos continuados e reiterados, que é o que defende a acusación, desde o comezo da relación ata que puxo fin porque xa non podía soportar máis", di María del Carmen Fernández, avogada da acusación particular. 

As partes elevaron a definitvas as súas peticións iniciais. Así, tanto a Fiscalía como a acusación particular piden case 21 anos de cadea para o investigado polos delitos de asasinato en grao de tentativa, lesións e maltrato continuado. Amais, o Ministerio Público engadiu a prohibición de vivir na provincia da Coruña durante 24 anos e que indemnice a vítima con cen mil euros. O xuízo quedou xa visto para sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019