CRTVG

Buscar

Queco Piña pide unha moción de censura contra Aganzo

Publicado o 16/05/2020 14:47

David Aganzo, o presidente da AFE, volve estar no centro da polémica. Esta vez pola denuncia de soborno, extorsión e coacción por parte dun empregado da asociación que se autoinculpou. A noticia dividiu un colectivo que proclamaba Unidos Somos Máis Fortes, por un lado, os partidarios de que Aganzo continúe á fronte da asociación, do outro, os que lle piden que marche.

"A única saída que temos nós pois vai ser xuntarnos, falar cos xogadores, temos moitos xogadores que nos chaman todos os días, e pasa por unha moción de censura contra o presidente", explicounos Queco Piña.

A xestión de Aganzo nos dous anos e medio que leva no cargo está chea de conflitos. Desde a dimisión de catro vicepresidentes, Busquets, Nacho, Mata e De Gea, ata a denuncia por convocar xuntas de maneira irregular pasando pola utilización dun coche oficial para uso particular.

"Non sei que máis pode pasar aquí, eu creo que xa todas as cousas que puido facer xa as fixo e fíxoas mal, pero sobre todo o máis grave, o que máis nos chama a atención e o que máis lles doe aos afiliados son as mentiras e os enganos", recoñeceu o galego.

Malia todo, Queco non se cuestiona dimitir.

"Por responsabilidade non podemos sair deste posto porque estanse a ver moitos escándalos, e iso é o que nos mantén, por unha parte, a responsabilidade do noso posto e, por outra parte, penso que é importante fiscalizar."

No caso de que prospere a moción de censura, Morientes perfílase como candidato para substituír a Aganzo.

Noticias web

16/05/2020