CRTVG

Buscar

Putin anuncia a primeira vacina contra a covid-19

Publicado o 11/08/2020 18:50

Rusia anuncia a primeira vacina contra a covid-19. O presidente ruso, Vladimir Putin, asegurou que o preparado é seguro e crea unha inmunidade estable. A Organización Mundial da Saúde acolleu o anuncio con cautela.

Baixo o nome GAM-COVID-VAC está desde este martes rexistrada no ministerio de Sanidade ruso a primeira vacina contra o coronavirus. O anuncio fíxoo o propio presidente ruso. Vladimir Putin garantiu que a vacina é suficientemente eficaz, crea unha inmunidade estable e superou todas as verificacións precisas. Putin explicou que unha das súas fillas foi voluntaria nos ensaios, e que non sufriu máis efecto secundario que unha lixeira febre.

A vacina inxéctase en dúas doses e, segundo o laboratorio que a fabricou, garante dous anos de protección fronte á enfermidade. Está previsto que a finais deste mes comece a poñela o persoal sanitario e, o 1 de xaneiro, toda a poboación.

A Organización Mundial da Saude acolleu o anuncio con cautela: lembrou que a vacina aínda ten que superar os seus trámites de verificación e advertiu de que as présas non deben poñer en risco a seguridade. A vacina rusa non figuraba entre as 6 que a semana pasada a OMS identificou como as investigacións máis avanzadas.

Noticias web

11/08/2020