CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos manteñen o pulso nas negociacións de cara a investidura de Sánchez

Publicado o 24/06/2019 08:35

Xa pasaron case dous meses das eleccións xerais e as negociacións con vistas a unha investidura de Pedro Sánchez parecen bloqueadas. Os próximos días poden ser chave. Á espera de novas xuntanzas, PSOE e Podemos manteñen o seu pulso... Pablo Iglesias pretende entrar no Goberno con algún ministerio ou vicepresidencia. Pero a cúpula socialista non o quere ter no Consello de Ministros. E mentres, Cs reitera que non se van abster.

Vanse cumprir dous meses das eleccións xerais e as negociacións para a investidura parece que seguen encalladas...

O xornal El País titula este domingo "O futuro papel de Iglesias condiciona a investidura" e engade que "as negociacións fréanse polas demandas do líder de Podemos". Asegura que Pedro Sánchez non quere un Pablo Iglesias "incontrolable", cun "gran tirón mediático", no Consello de Ministros. Temen a súa postura, se estivera no Goberno, cando saia a sentenza do xuízo do procés. Desde Podemos aseguran "que todo se pode pactar, incluída a postura sobre Cataluña".

Na mesma liña informa El Mundo, di que "a cúpula e os baróns do PSOE vetan a Pablo Iglesias como ministro".
Segundo La Vanguardia, o PSOE "si se cuestiona" "ofrecer ministerios a Podemos pero con Pablo Iglesias fóra do Goberno".

Sánchez e Iglesias supostamente non volveron ter contacto desde o luns pasado, cando se reuniron na Moncloa... e os seus equipos "non estarían aínda negociando o programa dunha posible lexislatura de colaboración". No esquema de Podemos parece que cadraría mesmo unha vicepresidencia social.

E ante esta situación está a ameaza de novas eleccións... Os socialistas aseguran que Pedro Sánchez "non vai de farol".

Pola súa banda, o PP dicía hai uns días que prefería a abstención de Cs á repetición dos comicios. Inés Arrimadas reiterou que non se van abster na investidura, tras os pactos socialistas dos últimos días.

Inés Arrimadas, Voceira nacional de Ciudadanos: "Non nos imos abster despois de asisitir a esta semana, unha semana triste dos cen pactos da infamia do PSOE, pactos con partidos independentistas, separatistas e nacionalistas". E engadiu que o presidente do Executivo en funcións "xa ten o Goberno montado".

Noticias web

24/06/2019