CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos alcanzan un acorodo para gobernar na Rioxa

Publicado o 20/08/2019 15:51
PSOE e Podemos alcanzan un acorodo para gobernar na Rioxa

PSOE, IU e Podemos-Equo alcanzaron esta mañá un acordo para gobernar A Rioxa con medidas "progresistas e de esquerdas".

Nun comunicado conxunto, indican que o acordo alcanzado garante a gobernabilidade e estabilidade da Rioxa durante a décima lexislatura autonómica.

Tamén avanzan que as tres formacións políticas comparecerán mañá para asinar o documento e explicar e valorar o acordo alcanzado, qu se produciu 86 días despois da celebración das eleccións autonómicas do pasado 26 de maio.

O PSOE e IU, o pasado mes de xullo, alcanzaron un acordo programático para a investidura da socialista Concha Andreu como presidenta do Goberno da Rioxa, o que non se materializou por opoñerse a deputada de Podemos, Raquel Romero.

O pasado 12 de agosto, o PSOE e Podemos retomaron as negociacións para lograr a investidura de Andreu, que finalizaron esta mañá tras intensas reunións, nas que predominou o hermetismo e a discreción, sen que trascenderan as medidas acordadas nin o número exacto de consellerías que ocupará a formación morada.

O desacordo entre socialistas e Romero en xullo centrouse, sobre todo, en que o PSOE non admitiu a petición de Podemos de formar parte do futuro Goberno coa titularidade da varias consellerías.