CRTVG

Buscar

PSA Vigo suspende a quenda de noite da liña 2 este domingo pola caída da demanda

Publicado o 05/11/2020 16:57
PSA Vigo suspende a quenda de noite da liña 2 este domingo pola caída da demanda

A factoría que o Grupo PSA ten en Vigo suspendeu a quenda de noite do próximo domingo, día 8, no sistema de produción 2, o que ensambla os vehículos comerciais de Peugeot, Citroën e Opel. Segundo informaron fontes da compañía, a decisión obedece a un "axuste natural das evolucións da demanda comercial, especialmente inestable no actual contexto de pandemia".

A compañía xa trasladou aos sindicatos representados no comité de empresa do centro de Vigo esta decisión, que afronta "cos mecanismos de flexibilidade habituais" acordados coa maioría sindical, e que "permiten adecuar a apertura sen afectar o emprego". 

A factoría de Vigo viña traballando desde comezos de outubro a pleno rendemento coa posta en marcha da cuarta quenda do sistema de produción 1, onde se ensamblan os modelos Peugeot 2008. Fontes sindicais cifran entre 500 e 600 os traballadores afectados por esta medida e temen que este sexa "o primeiro síntoma" da translación das medidas de confinamento adoptadas en diversos países de Europa á actividade da automoción.

"Tememos que logo virán outros, non sabemos de que calado", sinalan desde o comité de empresa de PSA Vigo.