CRTVG

Buscar

Protocolos e ERTE, principais escollos para volta aos escenarios das orquestras

Publicado o 16/06/2020 13:34

As orquestras galegas están preparadas para subir ao escenario. En dúas semanas teñen permiso para volver a actuar e analizan os procolos de seguridade coa Xunta. Regresan con ganas, pero advirten de que dependen das festas dos concellos e a estas alturas de xuño temen non haxa traballo para todas.

Queren volver darlle luz e son ás noites galegas e a maioría din que están preparadas para subir ao escenario. Algunas poderán facelo máis cedo ca outras porque hai orquestras en Erte ata o 30 de xuño. 

O xerente da orquestra París de Noia explica que eles necesitan uns días "para ensaiar e poñer todo a andar. O día un non pode ser, pero ao mellor o oito ou o dez si podemos estar aí. E hai moitas orquestras que ao mellor si poden reactivar a actividade a partir do día 1 xa"

Para esa data volverán as verbenas e a Xunta analiza co sector as medidas de seguridade en que se van celebrar. Alfonso Rueda asegura que o  protocolo se presentará esta semana "para ter esa certeza de que este verán poderá haber verbenas, poderá habere festas en Galicia. Desenvolveranse con todas as garantías"

Tamén llo entregarán aos concellos e comisións de Festas, que organizan as verbenas. As orquestras temen que non haxa traballo para todos. E ante esta incertidume o presidente da Asociación Galega de Orquestras pide axudas: "Unha espece de Erte ou calquera outro tipo de axuda por producción e un incentivo de arranque para as orquestras porque levamos tres meses sen ningún tipo de ingresos".

Lembran que deste sector dependenden máis de tres mil empregos.

 

Noticias web

16/06/2020