CRTVG

Buscar

Entran en vigor os novos protocolos para residencias e centros de día

Publicado o 18/09/2020 08:18

Dous dos mortos nas últimas horas eran usuarios do xeriátrico de DomusVi de Outeiro de Rei, no que hai xa dez falecidos. A Xunta de Galicia estableceu novos protocolos para este tipo de centros con persoas de risco, que hoxe entran en vigor. 

As novas medidas para residencias e centros de día buscan manter a actividade e as visitas de maneira segura, sexa cal for a situación epidemiolóxica do concello no que estean radicados.
Deberanse crear nestes espazos grupos de convivencia dun máximo de dez usuarios e establécense tres niveis de risco, en función da aparición e control dun gromo.

Nos centros de día para persoas maiores, con nivel de risco medio só poderán realizar actividades conxuntas os grupos de convivencia. Se é alto estes grupos reduciranse á metade.
Nos dirixidos a persoas con discapacidade evitarase a asistencia de maiores de 65 anos cando o risco sexa alto.

Regúlanse as visitas ás residencias de maiores.

Con risco baixo poderán ir tres ou máis persoas de referencia unha vez ao día. No seguinte nivel de perigo, serán dúas como máximo, e dúas veces por semana. E con risco alto só pode acceder ao centro un visitante por usuario unha vez cada sete días. As saídas ao exterior dos residentes rexeranse de xeito similar, diminuíndo a frecuencia segundo o risco.

Quen queira facer unha visita debe solicitala con antelación e estar no lugar 15 minutos antes da hora para que se lle faga unha avaliación de síntomas, debe desinfectar as mans e levar máscara. Preferiblemente o encontro será nun lugar aberto axardinado, e só se permite acceder á habitación se o residente está encamado ou na fase final da vida. 

Noticias web

18/09/2020