CRTVG

Buscar

Protestas pola sentenza da Manada de Manresa

Publicado o 05/11/2019 07:55

Centenares de persoas sairon ás rúas a noite pasada para protestar pola setenza á denominada Manada de Manresa, que condena por un delito de abuso sexual cinco dos seis procesados. O movemento feminista reclama unha refoma do Código Penal para que casos coma este sexan considerados violación e lamenta que non se tivese en conta o precedente da Manada de Pamplona.

A mobilización por esta sentenza levou onte á rúa centos de manifestantes en cidades de toda España, entre elas Pontevedra. Protestan por unha resolución que consideran inxusta e din que non conciben que unha menor de catorce anos poida ser abordarda por seis homes sen que isto se considere intimidación. Lamentan que non se tivese en conta que, no caso da Manada de Pamplona, o Supremo recoñeceu finalmente a existencia de intimidación.

Houbo manifestacións en Madrid, Barcelona, Valencia, Oviedo e tamén en Pamplona. Nelas urxiron os lexisladores unha reforma do Código Penal para que se contemple que o consentimento sexual debe ser explícito. Neste sentido, hai xa unha petición popular en Internet apoiada por máis de trescentas mil sinaturas.

Na setenza, a Audiencia de Barcelona, condenou a cinco dos seis procesados da denominada Manada de Manresa por abuso sexual, a penas de entre dez e doce anos de prisión, ao entender o tribunal que a vítima estaba inconsciente e por iso, non se opuxo.

Ese é precisamente o aspecto da lei criticado polo movemento feminista, que mañá mercores pola tarde ten convocadas manifestacións en Galicia, entre outros lugares en Vigo e Santiago.

Noticias web

05/11/2019