Prohíbese o tránsito de camións pola travesía do Milladoiro a partir do 10 de decembro
Entre os veciños do Milladoiro predomina a opinión favorable á restrición do tráfico de camións por esta travesía da N-550, especialmente os das vivendas que dan á avenida Rosalía de Castro.
Está previsto que a partir do día 10 quede prohibido o tránsito de camións de máis de trinta toneladas por aquí. Para evitar este tramo terán que facer un percorrido algo maior, utilizando a AG-56.
"É unha idea moi boa, polo ruído, o tráfico... Aquí hai moitos nenos, hai garderías próximas. Xa tiñan que desvialo hai moito tempo".
"É un paso importante para empezar a tomar conciencia do que está pasando no Milladoiro. Aínda que é un paso pequeno, pois si que poderían ampliar o abano da prohibición, non só para ese camións".
"Por aquí pasan moitos camións e aquí a xente está moi cabreada por iso".
"A medida paréceme xenial, porque por aquí pasan moitos camións e cando máis molestan é de madrugada".
Tamén hai persoas con negocios que non teñen claro se van saír beneficiadas coa medida.
"Teño o corazón dividido, porque noutros lugares en que retiraron o tráfico do centro están agora como esquecidos. A nós, realmente, dános a vida que haxa moito tráfico por aquí, porque a xente para nos comercios. Entón, non sei se vai ser bo ou malo".
A restrición exclúe aqueles transportes pesados que se dirixan a Reborido e ao polígono empresarial do Milladoiro.