CRTVG

Buscar

Prohiben plantar e mover patacas a granel nas novas parroquias afectadas pola praga da couza

Publicado o 05/12/2019 14:56

Ante a aparición dos novos casos da praga da couza, nas parroquias de Lendo e Caión, na Laracha, e Noicela, en Carballo, queda prohibida a plantación e o movemento a granel de patacas. Tamén se establecen zonas tampón nas parroquias situadas a carón das afectadas. Son medidas que dá a Consellería de Medio Rural, que hoxe acolleu unha reunión con varios alcaldes da comarca para coordinar as actuacións.

O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, cre que detrás destes novos casos pode estar o factor humano: "Cando xa dabamos por descontado que ían razoablemente ben as zonas que se demarcaran, que agora apareza un brote de novo é un motivo de preocupación porque pensamos que é fundamentalmente mala praxis".

Unha opinión que comparten os produtores profesionais da comarca. "A couza por ela soa non chegaría a Coristanco en sete ou oito anos, porque se move moi pouco. Por que podemos estar preocupados? Pola parte humana, porque alguén a pode mover de sitio", di Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco. 

Está previsto que se organicen encontros cos veciños para previr a propagación da couza.

Noticias web

05/12/2019