CRTVG

Buscar

A Coruña é sede dun centro de investigación en seguridade que busca dar solucións fronte á covid-19

Publicado o 04/07/2020 16:51

A Coruña é sede dun centro de investigación en seguridade que adaptou os seus recursos para dar solucións fronte á covid-19. As tecnoloxías que antes só aplicaba á vixilancia serven agora tamén para controlar accesos, evitar aglomeracións e confirmar que os usuarios non teñen febre.

A empresa desenvolve desde A Coruña as solucións tecnolóxicas que precisan os seus clientes en corenta países. Centrados de sempre na seguridade, ampliaron a oferta á saúde, a causa da covid-19.

As cámaras termográficas que empregaban para controlar perímetros e evitar intrusións, por exemplo, serven agora para controlar a temperatura en entradas de grande afluencia, como en aeroportos ou centros comerciais. Pero tamén en recintos pequenos, como unha tenda, aplicadas en formato manual.

Tamén modificaron os mecanismos de control de acceso aos recintos de traballo para que os empregados non os teñan que tocar e se poida comprobar ao mesmo tempo que non teñen febre e que levan a máscara.

Ofrecen, ademais, solucións para que se respecte o límite de ocupación dos espazos e evitar puntos de aglomeracións, con dispositivos que xogan coa imaxe e a intelixencia artificial.

Todos os servizos que ofrece a empresa pódense instalar en drons.

Noticias web

04/07/2020