CRTVG

Buscar

Probas periciais contradín a versión de disparo accidental do Chamaco

Publicado o 17/10/2019 14:38

As probas periciais de balística e o testemuño dos axentes da Garda Civil encargados da investigación contradín a versión que sobre o ocorrido na casa que ambos compartían no municipio de Becerreá ofreceu onte José Manuel Carballo, coñecido como o Chamaco, para explicar a morte da súa muller, Ana Gómez, como consecuencia do disparo efectuado cunha escopeta de caza.

No transcurso da súa declaración na vista oral, que onte comezou na Audiencia Provincial de Lugo, José Manuel Carballo asegurou que a súa intención era suicidarse diante de Ana Gómez e da súa propia nai coa escopeta que levaba entre as mans o día autos, pero a arma disparouse accidentalmente e matou a Ana Gómez.

Con todo, os axentes da Garda Civil que hoxe compareceron na vista oral confirmaron que o disparo seguira unha "liña recta" e atravesáballe o corazón a Ana Gómez.

Precisaron que foi efectuado de preto, a unha distancia duns 3,70 metros, probablemente desde a porta dunha das habitacións do inmoble.

Ademais, tamén aclararon que se a bala, que acabou incrustada nunha parede da casa, non fose desviada pola estrutura ósea da vítima, posiblemente lle causase un dano moito maior a un dos seus fillos, que sufriu feridas nun dedo e unha coxa a causa do disparo.

Na xornada desta mañá, tamén prestou declaración unha tía de José Manuel Carballo, quen declarou que nunca vira episodios de malos tratos na súa relación con Ana Gómez e mesmo dixo que o seu sobriño a trataba dun modo case "infantil".

A acusación particular considera que todas as probas presentadas ata agora despexan calquera dúbida sobre a culpabilidade do Chamaco.

"Sen entrar en particulariedades, o xuízo está a cumprir as expectativas das dúas acusacións. A valoración das probas será posterior, pero a argumentación da defensa cae polo chan".

A defensa insiste na tese de que o acusado padece un severo trastorno mental que o levou a coller a arma aquel día de febreiro de 2016. Unha das súas testemuñas, tía do Chamaco, asegurou que o home padecía frecuentes crises nerviosas que requirían de atención médica e que se alteraba moito ante calquera conflito. E ratificou a tese da defensa de que a intención do Chamaco era a de suicidarse. Outra hipótese da defensa é que o desvío da bala demostra que non había intención de matar.

"É unha persoa con problemas mentais importantes. Cun problema psiquiátrico sen diagnosticar. Ten algún padecemento que non foi tratado e que desembocou en todo isto".

Na sala de vistas da Audiencia Provincial de Lugo estiveron presentes os fillos e a irmá de Ana Gómez e representantes de colectivos de loita contra a violencia machista.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí