CRTVG

Buscar

Prisión para o sobriño de Charlín que fuxiu tras atropelar mortalmente unha muller en Vilanova

Publicado o 18/11/2020 18:38

 O Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para Diego Silva Charlín, sobriño do patriarca do clan dos Charlines, Manuel Charlín, en relación co atropelo mortal e posterior fuga que lle custou a vida a unha muller de 78 anos.

Este home está investigado polos delitos de condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, homicidio imprudente e abandono do lugar do accidente, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ademais, o xulgado decretou o comiso do vehículo e a privación cautelar do permiso de conducir do detido.

O xuíz decretou o seu ingreso inmediato en prisión polo atropelo mortal dunha muller de 78 anos en Vilanova de Arousa na noitiña do martes. Impútanselle delitos de homicidio imprudente e de abandono do lugar, porque fuxiu deixándoa tirada e sen axudala. Entregouse na policía doce horas despois. As testemuñas do accidente declararon que circulaba a gran velocidade, algo que tamén corroborou a investigación, polo se enfronta a outra pena por condución temeraria.

"Non é que haxa moitas testemuñas, pero os que hai din que ía a moita velocidade. Por iso non era doado identificalo nin dicir claramente que coche era" di José Luis Maquieira, policía local de Vilanova de Arousa.

Atropelo en Agolada

Non foi o único caso. A Garda Civil detivo este camioneiro de Lalín que tamén o martes atropelou mortalmente un ciclista en Agolada. Os restos do vehículo que quedaron no lugar do accidente foron determinantes para identificalo.  "Quedou un pedazo de plástico do foco do camión, e os de Tráfico levárono", explica José Antonio Vázquez, responsable de Protección Civil de Agolada.

Non tardaron en atopalo, grazas tamén á colaboración da empresa para a que traballa, que avisou dos danos no camión. O home, de 49 anos, permanece detido, e pasará a disposición xudicial previsiblemente este xoves.
 

Noticias web

18/11/2020