CRTVG

Buscar

Prisión para o home que asfixiou ata a morte o seu sobriño en Santiago

Publicado o 28/10/2020 08:42

A xuíza considera imputable o home acusado de asfixiar o seu sobriño en Santiago e ordena o seu ingreso en prisión. O suposto autor do crime permanecía desde o día do suceso hospitalizado, baixo custodia policial, nun centro sanitario

O acusado acaba de ser dado de alta despois dun mes ingresado na unidade de psiquiatría. En base ao informe diagnóstico hospitalario e a avaliación forense, a maxistrada considera que, en principio, o home é imputable polos feitos. Por este motivo, acordou o seu ingreso en prisión comunicada e sen fianza e será investigado por un delito de asasinato.

Uns feitos que se remontan ao pasado luns 21 de setembro, cando o home, supostamente, asfixiou ata a morte o seu sobriño de tres anos nunha vivenda da rúa Os Loureiros.

Cara ás oito da tarde do 21 de setembro confirmábase o falecemento dun neno de tres anos nunha vivenda familiar do barrio compostelán de Santa Clara.

Como presunto autor dos feitos foi detido seu tío, un home de 39 anos que foi trasladado ao Hospital Clínico debido ao seu estado de alteración.

As probas forenses concluían máis tarde que a morte do pequeno fora por asfixia.

As primeiras hipóteses sobre o ocorrido apuntaban a que o presunto homicida sufría unha crise psicótica no momento da agresión. Por este motivo, o xulgado decretou o seu internamento non voluntario na área de Psiquiatría do Hospital Provincial de Conxo.

O seu avogado afirmaba que o acusado non era consciente do que facía, motivo polo que podería ser declarado "inimputable".

Para poder ser xulgado, estaba previsto que o presunto autor do crime declarase en sede xudicial no momento en que recibira a alta hospitalaria, algo que acaba de producirse.

Tras tomarlle declaración este martes, a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago considérao finalmente imputable.

Así, ordenou o seu ingreso en prisión. Ademais, será investigado por un suposto delito de asasinato.

Noticias web

28/10/2020