Primeiro, o cocido, e despois, a sesta no hotel
Curiosa iniciativa, a que ideou un hotel de Santiago. Como cada febreiro, volven celebrar o mes do cocido, pero este ano decidiron inclúir no menú un servizo especial: a posibilidade de botar a sesta nos seus cuartos, despois de tan contundente comida.
Comida que sempre triunfa. "Por que gusta tanto? Porque ten todo o galego, o que está na horta e o que está na casa".
E buscamos na cociña que máis segredos pode esconder tan venerado prato. "Moito agarimo, moito amor na cociña. É o que fai o cociñeiro, estar aí acompañando o produto", explica o xefe de cociña do Gran hotel Los Abetos.
E aquí preguntáronse como superar o insuperable. E partiron dunha realidade destas contundentes comidas:
"Pide durmir un pouquiño. Non sei se será polo cocido ou polo viño".
E aí naceu a idea. Decidiron ofrecer no menú primeiro o cocido e despois unha sesta nos cuartos do hotel.
"Un máximo de dúas horas, pero non pasa nada se son tres. Podémonolo permitir porque temos cuartos dispoñibles, por iso o facemos neste mes", conta o director do hotel.
É a primeira vez que o fan, e dada a acollida din que non será a última vez que ofrezan mesa e cama. "O prezo é de 38 euros".
E con ingredientes a fartar: "Lacón chourizo, orella, espiñazo, cacheira de porca nai, pita vella, fabas, repolo, grelos, etcétera".
Só de pensalo xa dan ganas de botar a sesta.