CRTVG

Buscar

Primeiro día en que está prohibido fumar en espazos públicos ao aire libre

Publicado o 13/08/2020 11:30

A partir da medianoite quedou prohibido fumar nas rúas e terrazas de Galicia, sempre que non se poida manter a distancia de seguridade. É unha das decisións que acordou a Xunta tras escoitar o comité clínico. O Goberno galego tamén limitou as visitas a enfermos nos hospitais da área da Coruña a un máximo dunha persoa por paciente. 

Con esta orde publicada no DOG, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma que prohibe fumar en rúas, terrazas ou espazos ao aire libre se non se pode garantir a distancia de seguridade de dous metros. A Xunta adopta esta decisión tras a advertencia de varios expertos do comité clínico.

Segundo os últimos datos de Sanidade, en 220 concellos non se rexistrou ningún caso nos últimos 14 días, pero preocupan especialmente os datos referidos á área sanitaria da Coruña, sobre todo polo cambio de tendencia. A maioría dos contaxios dáse entre os 20 e os 40 anos. O presidente da Xunta en funcións avanzou a posibilidade de chegar ata as 1.200 as PCR diarias nesta zona.

A Xunta tamén acordou limitar as visitas a enfermos nos hospitais da área sanitaria A Coruña-Cee coruñeses a máximo unha persoa por paciente, preferiblemente menor de 70 anos e que non padeza enfermidades crónicas. No caso da atención ambulatoria, soamente se permitirá un acompañante no caso de que a persoa atendida sexa dependente ou menor de idade.

De momento, as autoridades decidiron non facer restricións xerais de mobilidade, pero si prorrogar durante sete días máis as restricións impostas en nove municipios da comarca, como o peche dos locais de ocio nocturno e prohibición de festas e verbenas.

O DOG tamén establece que os establecementos comerciais destes nove concellos deben dar servizo de atención preferente ás persoas maiores de 75 anos.

O presidente da Xunta en funcións apelou á responsabilidade de todos para que se cumpran as restricións.

Dentro de sete días volverá reunirse o comité clínico para decidir se mantén, suaviza ou aumenta as restricións acordadas onte.

Noticias web

13/08/2020