CRTVG

Buscar

Intensifícanse os controis dos accesos por estrada á Mariña

Publicado o 06/07/2020 22:33

Setenta mil veciños da Mariña viviron hoxe a primeira das cinco xornadas con volta ás restricións para atallar o brote de coronavirus na zona.

Nas últimas horas confirmáronse 22 novos positivos. Hai en total 119 casos activos. Catro están ingresados con evolución favorable e o resto recupéranse na casa.

A maioría dos positivos son xente nova e presentan cadros asintomáticos. As autoridades sanitarias din que o brote está controlado e que seguen facendo probas e rastrexando de forma intensa todos os contactos dos contaxiados.

Primeiro dia na Mariña de aplicación das medidas restritivas para frear o brote. Durante os próximos cinco días non se pode entrar da comarca nin saír dela agás por causa xustificada, aínda que a limitación de desprazamentos non afecta ao tránsito entre si dos 14 concellos. As medidas son recibidas con aceptación entre a poboación.

As autoridades sanitarias confirman 22 novos positivos na Mariña, todos relacionados co único brote detectado hai 15 días. Continúan por tanto co rastrexo dos contactos interpersoais.

Trátase de detectar os novos casos o máis precozmente posible e cortar así a transmisión. No hospital da Mariña estanse a realizar máis de 100 probas diarias.

A maioría dos positivos seguen a ser asintomáticos e afecta sobre todo a xente nova.

O total de casos activos na Mariña sitúase nos 119, tendo en conta os 22 novos casos das últimas horas e que nove persoas xa superaron o virus e recibiron a alta. No hospital da costa están ingresadas catro persoas.

Noticias web

06/07/2020