CRTVG

Buscar

Primeiro día en Santiago e O Milladoiro sen xuntanzas entre non conviventes

Publicado o 22/10/2020 13:25

Mañá tranquila, demasiado tranquila en Santiago, a deste primeiro día en que está en vigor a prohibición de xuntarse con persoas coas que non se convive. Compradoras e vendedoras na praza de abastos: "Eu creo que a xente está asustada e xa non sae da casa". "Síntome incómoda, coma todos. Impotente porque fan cousas que non...". "Está todo como o día: triste. Estamos todos moi tristes. Non hai xente por isto que nos está pasando". "Estamos atemorizados, todos con moito medo". Hai pouca xente na rúa, e iso que non se pode estar dentro dos locais de hostalería.

Nas terrazas, á metade da súa capacidade, só poden compartir mesas os conviventes, cun límite de cinco persoas. Con estas medidas xa pecharon algúns bares e outros están a piques de facelo.

Un hostaleiro do Milladoiro di: "Si, xa está todo en marcha. O luns todos ao ere ou ao ERTE, ao que nos dean, se é que nos dan algo, porque isto non ten trazas de mellorar".

Na veciña localidade do Milladoiro as restricións son as mesmas que en Compostela e o ambiente na rúa similar. Pesa moito o gromo detectado hai case un mes e que ten relación coa maior parte dos 88 contaxiados que hai en todo o concello de Ames. Nos restaurantes si se pode consumir dentro, á metade da capacidade do local e cinco como máximo en cada mesa, sempre que sexan conviventes. Hoxe é día de feira en Salgueiriños.

Pouco ambiente e poucos postos. Unha vendedora en Salgueiriños: "Compensar... hai que vir, cada un ten que ir ao seu traballo e o noso é este. Uns días gañas máis, outros menos pero vir temos que vir ou que facemos coas cousas". Iso si, algúns aproveitaron ao máximo a noite pasada e estiraron a festa.

Noticias web

22/10/2020