CRTVG

Buscar

Preséntase diante da Garda Civil un condutor que podería estar relacionado co accidente mortal de Santiago

Publicado o 04/10/2020 15:09

A Garda Civil de Tráfico trata de esclarecer as circunstancias que arrodean o accidente mortal da madrugada do sábado na estrada de Ourense, á altura da parroquia compostelá de Marrozos, que concluíu cun condutor falecido e con outro ferido grave. Onte á tarde presentábase voluntariamente no destacamento da Garda Civil de Tráfico de Santiago un terceiro condutor supostamente relacionado co sinistro. Fontes da Benemérita aseguran que non está detido, aínda que o seu coche permanece inmobilizado en dependencias policiais.

O accidente mortal produciuse pasada a unha da mañá de onte, cando supostamente un vehículo Mercedes iniciaba un adiantamento nun tramo de carril triplo. Ao parecer, o condutor perdeu o control e acabou invadindo a zona por onde circulaba en sentido contrario un turismo conducido por un home de 57 anos. A consecuencia da colisión este home faleceu practicamente no momento e o condutor do coche que perdeu o control tivo que ser evacuado ao hospital con traumatismos graves.

Durante todo o día de onte amigos do ferido comezaron a pedir axuda a través das redes sociais para localizar un terceiro turismo, un BMW, segundo indicaban, que o coche do ferido trataba de adiantar. A mensaxe apuntaba a que este terceiro vehículo fixo unha manobra que acabou golpeando o Mercedes e facéndolle perder o control, o que podería provocar que impactase contra o coche do finado.

A Garda Civil continúa a investigación do caso para aclarar se houbo algunha responsabilidade no accidente e se nalgún momento se produciu un delito de abandono do lugar do sinistro e de denegación de auxilio.

Noticias web

04/10/2020