CRTVG

Buscar

Presenta a súa renuncia o maxistrado do TC Valdés, a quen o Supremo propón xulgar por malos tratos á súa esposa

Publicado o 14/10/2020 16:56
Presenta a súa renuncia o maxistrado do TC Valdés, a quen o Supremo propón xulgar por malos tratos á súa esposa

O maxistrado do Tribunal Constitucional (TC) Fernando Valdés, a quen o Tribunal Supremo propón xulgar por un delito de malos tratos á súa muller, presentou este mércores a súa renuncia ao cargo mediante un escrito dirixido ao presidente deste órgano, Juan José González Rivas.

O cesamento, aceptado polo presidente do tribunal de garantías, será publicado publicado no Boletín Oficial do Estado nos próximos días, segundo informou o TC mediante un comunicado. A dimisión púxose en coñecemento da presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, dado que este maxistrado pertencía á quenda proposta pola Cámara Baixa.   

Tamén se comunicou ao maxistrado instrutor da Sala Segunda do Tribunal Supremo, Andrés Martínez Arrieta, que é o instrutor que o pasado día 7 transformou as dilixencias en procedemento abreviado, o que supón a preparación do xuízo oral contra el.   

A renuncia evita ao tribunal ter que convocar un pleno, tal e como estaba previsto nos próximos días, para afrontar a situación procesual de Valdés, quen se atopa ademais unha situación persoal delicada debido a problemas de saúde.   

Coa súa decisión, Valdés perde a súa condición de aforado e o seu caso pasará previsiblemente a un xulgado ordinario, xa que aínda non se abriu xuízo oral contra el.   

O momento de apertura do xuízo oral é o que, segundo o criterio da Sala do Penal de Supremo, determina que un investigado, a pesar de perder o aforamento, teña que ser igualmente xulgado neste órgano, o que non se dá no caso de Valdés.   

O pasado martes, o instrutor da causa contra Valdés no Supremo, Andrés Martínez Arrieta, concluíu as dilixencias de proba en relación a este asunto tomando declaración a dúas testemuñas, unha delas filla de Valdés, quen exculpou o seu pai, asegurando que "xamais" se produciu agresión algunha.   

Neste relato coincidiu cos seus pais, xa que tanto Valdés como a súa esposa sinalaron en senllas declaracións o pasado 1 de outubro que o ocorrido na súa vivenda non foi máis que unha discusión de parella que puido ser "sacada de contexto".

Apenas unhas horas despois de concluír estes interrogatorios, o instrutor transformou as dilixencias en procedemento abreviado, o que supón a preparación do xuízo oral polos feitos recollidos na resolución e coa cualificación contida na mesma, que é a do artigo 153 do Código Penal (delito de malos tratos), sen prexuízo dunha ulterior cualificación xurídica, segundo sinala a resolución.

Fontes da defensa do maxistrado sinalaron que xa foi recorrida a decisión de Martínez Arrieta ante a Sala do Penal do alto tribunal.   

Nos feitos do auto dado a coñecer o pasado 7 de outubro recóllese entre outros puntos que, na tarde do 10 de agosto de 2020, o maxistrado mantivo unha discusión coa súa esposa, e, ao percibir que os berros eran oídos por persoas que estaban nun parque público próximo á súa vivenda, na localidade madrileña de Majadahonda, introduciu a muller de forma violenta ao interior da casa, onde seguiu a discusión.   

"Desde o exterior, os viandantes percibiron movementos bruscos e golpes, que determinaron unha lesión, non diagnosticada, no dorso da man dereita da muller", engade os feitos apuntados polo instrutor.   

Valdés, maxistrado do TC desde 2012 a proposta do PSOE para un mandato que xa caducou, foi defensor da loita contra a violencia de xénero ao longo de diversas sentenzas nas que participou no tribunal de garantías.