CRTVG

Buscar

Desde hoxe permítese ir ás hortas de autoconsumo nun regreso gradual ás leiras e ás viñas

Publicado o 28/04/2020 21:43

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes unha norma pola que se flexibilizan as condicións para que os agricultores considerados de autoconsumo poidan realizar con maior facilidade os seus desprazamentos ás leiras en que desenvolven a súa actividade.

Esta norma modifica o establecido con respecto ás restricións da súa mobilidade por mor da emerxencia sanitaria do coronavirus publicadas na orde do pasado 24 de marzo no DOG.

Desde a Xunta indican que "a propia evolución da emerxencia sanitaria, coa implementación das medidas adoptadas durante as últimas semanas", permiten agora modificar algunha das medidas contempladas.

A principal novidade consiste en que se elimina a anterior limitación de 500 metros para que as persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais, e por tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poidan realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos seus cultivos sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual.

No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa.

Con todo, mantense a restrición de que non poderá haber máis de dúas persoas na leira, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

A medida adoptada pola Xunta permite, por exemplo, que se poidan empezar a aplicar tratamentos nos viñedos para autoconsumo, agora que xa apareceron as primeiras pragas de mildio e black roth.

Tamén se poderán cultivar as leiras de patacas que adoitan estar afastadas das casas e aproveitar terreos que estaban a quedar a monte pola imposibilidade de se desprazar. Os xubilados do rural ou os veciños de cidades que posúen terreos no campo son os principais beneficiarios.

"A viña hai que traballala todo o ano. Só podes parar un pouco dous meses despois da vendima". "Algúns xa podemos ir traballar leiras que non temos aquí pegadas ás casas".

Ademais, na fin de semana autorizouse retomar as batidas de xabaril para reducir os estragos que os animais causan nestes cultivos.

Noticias web

28/04/2020