CRTVG

Buscar

Preocupan os focos de Cataluña e Aragón entre os 40 brotes que hai en España

Publicado o 06/07/2020 14:42

En España, onde se manteñen activos máis de 40 brotes de coronavirus, os focos detectados na zona fronteiriza entre Aragón e Cataluña son os que levantan maior preocupación das autoridades sanitarias.

Na comarca ilerdense do Segrià rexistráronse preto de 400 novos contaxios en cinco días.Os accesos á comarca catalá do Segrià rexistraron desde primeira hora retencións de vehículos nos controis establecidos para vixiar que se cumpre o decreto de confinamento polo incremento de casos de coronavirus, 360 máis nunha semana.

No curto prazo, as autoridades sanitarias esperan que os positivos aumenten porque xa se iniciou a transmisión comunitaria.

Desde o inicio da pandemia, nesta comarca de Lleida houbo máis de 2.500 contaxiados, dos que 136 faleceron.

Na vila guipuscoana de Ordizia seguen realizando probas PCR aos que entraron en contacto cos 7 contaxiados confimados, todos eles traballadores ou clientes da hostalaría local.

De media están identificando uns 18 ou 20 contactos por cada persoa positiva, ás que lles están pedindo, sexan positivos ou negativos, que permanezan, ata unha segunda PCR, en illamento.

Evitar a propagación do virus é o obxectivo dos traballos de desinfección realizados nas zonas comúns e de paso dos seis bloques de vivendas de Castellón onde se detectou un brote con 23 positivos.

Nesta mesma comunidade, un segundo foco de contaxios localizado nun edificio administrativo de Valencia obrigou a confinar catro funcionarios.

Noticias web

06/07/2020