CRTVG

Buscar

Preocupación polo aumento de novos gromos de coronavirus en Galicia

Publicado o 10/08/2020 10:00

• A atención está posta especialmente en Vimianzo e Arteixo

• Morreron dúas persoas nas últimas 48 horas

A pandemia non dá tregua. Segunda persoa falecida en Galicia en 48 horas: unha muller na Mariña. Rómpese unha boa etapa, porque hoxe faría dous meses sen falecidos polo virus. Preocupa o aumento de novos gromos. E soben os positivos. Os últimos, noutra empresa de Vimianzo. Rozamos xa os 600, a metade, na área sanitaria da Coruña, onde hoxe será o primeiro día laborable con restricións que lles afectan sobre todo á hostalería e ao comercio. En menos dun mes, na Coruña pasaron de 19 contaxios a máis de 300.

Dúas persoas mortas, na Mariña e en Vilar de Barrio, e preto de 600 contaxiados nas últimas 48 horas son as cifras do coronavirus en Galicia, que continúa gañando terreo. A área máis afectada é a da Coruña. A pesar da aparición de novos gromos, o número de pacientes hospitalizados baixa. En toda a comunidade hai dous pacientes na UCI.

A área sanitaria da Coruña e Cee volve a cifras de maio, ao acadar 302 positivos activos, máis da metade do total. Nunha semana case se triplicaron os casos.

Ata o momento as residencias da terceira idade mantíñanse libres de virus, pero esta fin de semana tres usuarios e dous profesionais do centro DomusVi de Matogrande deron positivo en covid-19. 

Hai 14 persoas ingresadas no CHUAC, unha está na UCI e 13 permanecen en planta. A gran maioría dos infectados son asintomáticos ou leves. Segundo Sanidade, máis da metade destes novos gromos son importados. Nunha entrevista radiofónica o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, aseguraba que o 65 % das repuntas teñen a súa orixe en persoas que se desprazaron a outros territorios ou volven de visita.

Na provincia de Ourense detectáronse tres positivos nas últimas horas. Unha muller de 25 anos, residente na cidade que chegaba de viaxe de Santo Domingo, deu positivo cando lle fixeron unha proba PCR preventiva. Rastrexáronse os seus contactos e detectáronse dous casos máis, os dous fillos dela, que non presentan sintomas. 

Segundo os datos oficiais, na área sanitaria de Ourense hai 41 casos activos. Unha cifra que duplican na área de Vigo, con 83.

As dúas vítimas mortais en Galicia son unha muller de 83 anos que levaba 17 días hospitalizada na Mariña e unha muller de 91 anos en Vilar de Barrio. 

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, asegurou este domingo que o 65 % de gromos en Galicia son "importados", isto é, orixinados por "persoas que se desprazaron a outros territorios ou volven de visita desde outros territorios".

Nunha entrevista no circuíto autonómico da Cadena Ser, Fernández-Campa avogou por establecer medidas para restrinxir, na medida do posible, o número de contaxios e empraza o Goberno a mellorar o control de fronteiras.

Segundo o xerente do Sergas, o departamento de Sanidade Exterior do Ministerio debería revisar as súas medidas e mellorar a súa coordinación coas comunidades autónomas.

"Dos casos importados en ningún se nos avisou de persoas con sintomatoloxía ou problemas previos", asegurou, tras o que aproveitou para reclamar unha normativa sancionadora en materia de coronavirus que estableza un marco similar en toda España.

Durante a entrevista destacou a posta en marcha do rexistro de viaxeiros, defendeu que non se incluíse Madrid na primeira orde -agora xa o está- e incidiu na capacidade da Xunta para actuar sen deixar pasar os quince días que se deu unha vez que constatou os cambios que se estaban producindo.

Ademais, explicou que a incidencia acumulada en Galicia nos últimos catorce días é de 13 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que na Coruña é máis do dobre, con 33 casos por cada cen mil habitantes.

En calquera caso, ambas están moi lonxe da media de España, que chega aos 75 casos.

"O que esperamos é que as medidas adoptadas desde o sábado (na Coruña e outros catro municipios) dean resultado e cun seguimento continuo ver se son suficientes", incidiu Fernández-Campa, que se deu un prazo de cinco días para revisar as medidas e mostrouse máis partidario de medidas cirúrxicas que de confinamientos, debido ao coñecemento cada vez maior que hai da enfermidade.