CRTVG

Buscar

Preocupación entre os veciños pola caída dun muro en Betanzos

Publicado o 02/07/2020 14:09

A caída dun muro nun edificio abandonado de Betanzos está a xerar preocupación entre os veciños do inmoble. A parede derrubouse sobre unha parcela lindeira sen causar danos persoais. Con todo, os veciños alertan do risco de máis desprendementos.

O efecto da auga e o desgaste dos materiais do propio muro propiciaron a derruba. Caeu a parede medianeira, que se debilitou co tempo logo de que fora demolido o edificio contiguo. Os cascallos caeron sobre a parcela baleira e uns pequenos restos sobre a beirarrúa. Non houbo danos persoais, pero o suceso si deixa moita preocupación entre os veciños.

"Claro que estou preocupada, porque vivo en fronte e pode caerme enriba do cuarto", comenta unha veciña que reside no inmoble do outro lado da rúa.

"Preocupado pola caída do muro e porque a rúa está feita unha vergoña", dinos outro veciño.

O Concello pechou o carril máis próximo e Fomento instalou semáforos para regular o tráfico. Isto dificulta o tránsito dos peóns por unha zona que xa non tiña beirarrúas amplas. O medo a novos desprendementos fai que se circule con cautela por unha vía que coincide cun treito do Camiño Inglés.

"É un perigo pasar por aí, claro", sinala unha veciña. "Perigo para os peóns e para os coches", engade outro veciño.

Nesta zona da rúa Saavedra Meneses xa se producira o derrubamento doutros tres inmobles en ruínas. O edificio, que corresponde co número 24, leva anos dehabitado e sen que os propietarios executen labores de mantemento. Os técnicos municipais elaborarán un informe sobre as medidas que deben tomar os donos para garantir a seguridade.

Noticias web

02/07/2020