CRTVG

Buscar

Preocupación entre os veciños de Moaña por un pozo ilegal que tapa a maleza

Publicado o 29/01/2019 14:47

Unha parcela privada completamente abandonada en plena zona urbana de Moaña ten atemorizados os veciños do barrio do Real. Dentro do terreo amais de ratas, hai un pozo de máis de sete metros de profundidade que está completamente tapado pola maleza. A parcela está aberta e temen que no mesmo poida caer algún veciño e incluso algún neno do barrio.

Levan quince anos con este problema. Na última semana un veciño denunciou os feitos no rexistro municipal.

No barrio do Real, en Moaña, levan quince anos convivindo cunha parcela abandonada. Un terreo privado que alberga no seu interior un pozo a rentes con máis de sete metros de profundidade. O mesmo está tapado pola intensa maleza e a parcela non conta cun correcto peche perimetral.

Levan quince anos cun problema que se está a enquistar e por iso queren facelo público. Hai unha semana presentaron por rexistro un escrito ao Concello e mesmo falaron co Valedor do Pobo. Ante a falta de resposta por parte dos seus propietarios que non foron localizados, pídenlles aos responsables do consistorio que actúen canto antes por medo a que alguén caía no pozo.

A maleza tamén trouxo consigo unha praga de ratas a este lugar que entran mesmo nos garaxes deste barrio. Piden o correcto peche desta parcela e a desratización da zona. O abandono deste terreo prodúcese nun barrio localizado en pleno centro de Moaña.

 

Noticias web

29/01/2019