CRTVG

Buscar

Preocupación en Sarria por varios incendios nunha casa baleira

Publicado o 12/07/2019 13:49

A Casa dos Ulloa, un edificio baleiro en pleno centro histórico de Sarria, sufriu dous incendios consecutivos. O primeiro declarouse pola noite na planta superior e o segundo, ao día seguinte, nun lateral. En ambos os dous casos, a rápida intervención dos bombeiros evitou que as lapas se propagasen ás vivendas habitadas que lindan co inmoble.

José Caldas, hostaleiro:
"Eu estaba recollendo o bar á última hora, ás once e media da noite, que houbera un grupo de rapazas ceando, e cando ía recoller a terraza vin lume aí na casa. Vin unhas lapas e xa estaba a casa chea de fume. Nin teléfofono de bombeiros, nin nada. Como están aí tan cerca, collín o coche, cheguei alí e xa lles dixen que viñesen rápido porque estaba a arder unha casa. Levaríame cinco minutos ir e vir, e viñeron rápido."
Antonio Vila, parque de bombeiros de Sarria:
"Acudiu unha dotación composta por catro bombeiros e os vehículos do parque e procederon á extinción na primeira planta. Na mesma vivenda, ao día seguinte recibiuse unha chamada do 112 informándonos dun incendio nunha porta da vivenda."

Os veciños da zona sospeitan que os incendios foron intencionados. Piden, por tanto, que se tomen medidas para dificultar a actuación dos pirómanos neste edificio histórico de propiedade municipal.

José Caldas, hostaleiro:
"E resulta que despois, ás nove da mañá, había lume nunha porta que dá aí a outra praza. Nun burato por debaixo da porta puxeron lume, que iso se ve que foi totalmente intencionado. Ás seis da mañá non había nada, e ás nove da mañá xa estaba con fume outra vez. E non caera de arriba, que era lume que se fixera alí nese mesmo sitio. E, claro, non estamos tranquilos, porque esta casa está abandonada e se hai aquí un lume descomunal o barrio este corre perigo."
"Ten que haber un pirómano por aquí ao que se lle meteu na cabeza incendiar a casa. É unha casa que teñen que coidar. Ou arranxala ou tapiarlle as portas para que non entre ninguén."

A Garda Civil investiga agora as causas dos incendios.
 

Noticias web

12/07/2019