CRTVG

Buscar

Preocupa a situación na área sanitaria de Vigo, con 171 casos confirmados nas últimas horas

Publicado o 21/11/2020 16:37

A área sanitaria de Vigo segue a ser a día de hoxe a área de Galicia a que máis preocupa. O número de casos segue subindo. Este sábado houbo 171 confirmados por PCR nas últimas 24 horas e rexistráronse 8 máis ca na xornada anterior. 

A Consellería de Sanidade traballa nun plan de desescalada para ir levantando as restricións máis duras a partir do 4 de decembro pero Julio García Comesaña pídelles paciencia aos cidadáns porque, segundo dixo, os datos da evolución da pandemia aínda non son o que agardaban.

"Ese plan de desescalada evidentemente tal vez non sexa homoxéneo, seguramente terá un perfil de aplicación, un irá ás zonas urbanas e outro diferente ás zonas non urbanas e de momento, como digo, analízase no comité clínico e se algunha circunstancia se dese antes do día 4 por suposto que se estudaría O Carballiño e Verín", di Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.

O titular de Sanidade entende a decepción dos veciños de Verín, que, a pesar da melloría, aínda seguen coas restricións mentres no Carballiño recuperan unha certa normalidade. Segundo dixo, neste tipo de decisións non só se teñen en conta o número de casos, tamén a estabilidade, a constancia e o mantemento no tempo.

"O Carballiño chegou hai uns días a unha situación basal boa, non só O Carballiño, tamén a comarca e iso en Verín, aínda que tamén vai moi ben, vai máis atrasado pero porque tamén empezou un pouco máis tarde, eu animo os veciños de Verín a que aguanten un pouquiño", explicou o conselleiro.

Con todo, a situación máis preocupante, di, é a de Vigo. A incidencia acumulada deixou de medrar pero non baixan os positivos nin tampouco a presión na UCI.

"De aí que esteamos pedindo non só aos habitantes de Vigo senón de toda Galicia ese esforzo adicional para que as medidas duras dean o froito que vai resetear o sistema sanitario e baixar a presión na UCI e na hospitalización que tiñamos hai algún tempo e poder ter unha vida máis normal", indicou García Comesaña.

 

Noticias web

21/11/2020