CRTVG

Buscar

Prenden dous mozos da banda de 'okupas' da Falperra na Coruña

Publicado o 15/10/2020 14:51

Medra o medo e a inseguridade na Coruña. Nas últimas horas, a Policía Local prendeu dous mozos por un roubo con violencia nunha tenda de roupa da céntrica praza de Lugo, pouco antes das seis da tarde. Daquela, dous mozos dispoñíanse a saír do establecemento con varias prendas roubadas.

O garda de seguridade tratou de interceptalos, pero ambos os dous lograron fuxir. Non chegaron moi lonxe. Uns metros máis adiante, o vixilante logrou paralos. Un deles, cunha actitude violenta, deulle varios emprurróns no peito para impedir que os seguise.

"Díxome a miña compañeira da tarde que escoitara voces e que ao saír da tenda soubo que buscaban dúas persoas que ían de negro", explica unha comerciante da zona.

O garda de seguridade seguiu atrás deles e conseguiu retelos nas proximidades da praza de Galicia ata que chegou unha dotación da Policía Local. Daquela, un dos mozos tirou unha navalla ao chan. E os axentes atopáronos encarándose co vixilante. Prendéronos por roubo con violencia.

"Isto predúcenos medo e virán máis problemas dentro de nada... A min preocúpame porque cando rouban non pasa nada, ao día seguinte están fóra e volven repetir", di unha comerciante.

"Amais, cos tempos que corren, claro que preocupa. Pero confiemos nas autoridades e que non nos pase nada", engade outra comerciante da praza de Lugo.

Os dous detidos son marroquís e, ao parecer, pertencentes á banda de okupas que ten atemorizados os veciños e comerciantes do barrio coruñés da Falperra.

Segundo fontes policiais, no último lustro, na cidade, non había delincuentes de orixe árabe. Porén, a día de hoxe achácanlles a metade dos roubos e furtos que sofre A Coruña.


 

Noticias web

15/10/2020