CRTVG

Buscar

Dan negativo os catro contactos estreitos do médico que deu positivo en Sanxenxo

Publicado o 17/07/2020 16:44

Un médico de familia do centro de saúde de Baltar, no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), deu positivo por COVID-19. Por esa razón, adoptáronse os protocolos correspondentes. Así o confirmaron fontes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En canto aos contactos estreitos do médico, identificáronse catro, que permanecen en corentena no seu domicilio e aos que se lles realizou unha proba PCR. Todas elas deron negativo.

Tamén se identificou a outras catro persoas que son contactos puntuais e sobre as que se está facendo un control por se aparecesen síntomas.

Ademais, sospeitan que o contaxio do sanitario púidose producir nunha comida familiar na que estiveron presentes dúas persoas procedentes de Madrid.

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que, tras o positivo deste médico de familia, que se coñeceu o mércores a última hora da tarde e segue sendo o único caso confirmado na súa contorna, fíxose a enquisa epidemiolóxica e dividiuse aos contactos en tres niveles, os do ámbito profesional, os do social e os familiares.

A lista de pacientes aos que o médico atendera de forma presencial facilitóuselle á central de seguimento de contactos, que se comunica a diario con eles para controlar se presentan síntomas.

O  Servizo de Medicina Preventiva  do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra valora como "de risco baixo" a estes pacientes.

Ademais, onte xoves, antes de comezar a actividade asistencial no centro de Baltar no que traballa o médico que deu positivo, fíxose "unha limpeza e desinfección en profundidade de todos os locais".

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa coa vixilancia epidemiolóxica, indicou.