CRTVG

Buscar

Portugal vive o seu primeiro día sen mortes pola covid-19 desde o inicio da pandemia

Publicado o 03/08/2020 17:49
Portugal vive o seu primeiro día sen mortes pola covid-19 desde o inicio da pandemia

Portugal rexistra hoxe o seu primeiro día sen mortes rexistradas por coronavirus desde o inicio da pandemia, un dato destacado polas autoridades de saúde, que indican que nas últimas horas o país tivo 106 novos contaxios, un novo mínimo en case tres meses.

A ausencia de falecementos foi destacada en conferencia de prensa como unha "nota positiva e de esperanza" polo secretario de Estado de Saúde, António Lacerda Saes, que non puido evitar emocionarse.

"Non ocorría desde o 16 de marzo, data en que se rexistrou a primeira morte por covid-19 en Portugal", remarcou Lacerda Salgues, quen dixo, con voz algo entrecortada, que mira esta situación con "cautela".

"Sabemos que en calquera momento esta tendencia pódese inverter", avisou, antes de lanzar unha nova mensaxe de precaución aos cidadáns.

"Quería deixar esta mensaxe de confianza e de esperanza aos portugueses. Pedirvos un esforzo individual e colectivo que nos axude a manter este proceso para, durante moitos máis días, ter cero mortes", dixo Lacerda Salgues.

Situación do virus no país

Portugal suma actualmente 1.738 falecementos por coronavirus desde o inicio da pandemia e 51.569 contaxios.

Sobre este último apartado, tamén houbo noticias positivas: a Dirección Xeral de Saúde (DGS) conta 106 novos contaxios nas últimas 24 horas, o que supón un novo mínimo en case tres meses, consolidando así a tendencia xeral de descenso nas infeccións.

A maioría de novos casos, o 62,3%, rexístrase na rexión de Lisboa e Val do Texo, a zona máis afectada.

Doutra banda, permanecen ingresadas 390 persoas, doce máis que o día anterior. Delas, 42 atópanse en coidados intensivos.