CRTVG

Buscar

Portugal suspende os voos co Reino Unido, agás por razóns humanitarias ou repatriacións

Publicado o 21/01/2021 23:16
Portugal suspende os voos co Reino Unido, agás por razóns humanitarias ou repatriacións

Portugal anunciou hoxe que a partir do próximo sábado suspende todos os voos regulares co Reino Unido, salvo por cuestións humanitarias. Tras o Consello da Unión Europea celebrado hoxe, o primeiro ministro de Portugal, António Costa, asegurou que os voos serán suspendidos a partir das 00:00 horas do sábado.

"Só haberá voos de natureza humanitaria e para a repatriación de portugueses ou ingleses", afirmou.

Costa avanzou que o bloque comunitario decidiu manter abertas todas as fronteiras internas da Unión Europea, aínda que "se aplicarán as medidas de control da pandemia". O primeiro ministro luso tamén confirmou que se abordou no Consello da UE a posibilidade de que se expidan certificados de vacinación aos cidadáns europeos.

"Todas as persoas vacinadas recibirán un documento que o acredite", que terá efectos médicos, dixo Costa, aínda que, de momento, non hai unha decisión para que devandito documento teña outras utilidades futuras, aclarou.

O Consello avaliou tamén o proceso de vacinación nos países da UE, engadiu Costa, quen subliñou a importancia de que as empresas produtoras cumpran os contratos e o calendario previsto para que "non volva haber reducións na distribución".

No caso de Portugal, o primeiro ministro detallou que xa administraron 202.000 vacinas e prevén finalizar a próxima semana a vacinación nas residencias de maiores.

O primeiro ministro luso lembrou que no Consello insistiuse na importancia de que todos os países membros respecten o principio de unidade "sen negociacións paralelas respecto ás vacinas", para garantir o acceso o máis rápido posible e lograr que ata final do verán se vacine ao 70 % da poboación adulta de toda a UE. Ademais, durante a reunión recoñeceuse a importancia de que desde a UE se faga un esforzo conxunto para apoiar a países de África ou América Latina co fin de asegurar a erradicación global da pandemia. 

 

Noticias web

21/01/2021