CRTVG

Buscar

Portugal impón recollemento na casa a 19 áreas da periferia de Lisboa

Publicado o 25/06/2020 19:41

Portugal acaba de reforzar o confinamento en Lisboa para conter o novo foco de coronavirus que rexistra o país. En concreto, hoxe aprobou en Consello de Ministros o "deber xeral de recollemento" para 19 áreas da zona metropolitana de Lisboa que están especialmente afectadas por brotes de coronavirus, nun intento por parar as cadeas de transmisión.

A medida implica que os residentes destas 19 áreas, todas elas freguesías (un órgano administrativo por baixo dos concellos) contiguas da marxe norte lisboeta, só poderán saír de casa para o considerado esencial: traballar, comprar alimentos e medicamentos.

En total, veranse afectadas todas as freguesías que compoñen o municipio de Amadora e de Odivelas, seis freguesías de Sintra, dúas de Loures e, xa na localidade de Lisboa, a freguesía de Santa Clara.

Pertencen aos cinco municipios onde se concentran a maioría dos brotes que afectan á rexión de Lisboa, actualmente a máis afectada do país por coronavirus, cun balance total de 17.767 casos desde que comezou a pandemia.

Ademais, os grupos de persoas que poderán xuntarse nestas 19 áreas non poderán superar os cinco membros. Como medida intermedia, o resto da área metropolitana de Lisboa (salvo as 19  freguesías máis afectadas) pasa á fase de continxencia, que é unha situación intermedia entre calamidade e alerta.

Esta decisión complementa as novas restricións aplicadas na área metropolitana de Lisboa desde o pasado martes, que inclúen a prohibición de reunión de máis de 10 persoas e o peche de todos os comercios a partir das 20.00, salvo gasolineiras, clínicas, farmacias, funerarias ou instalacións deportivas. Os supermercados poderán pechar ás 22 horas.

Estas medidas tratan de paliar os diferentes brotes detectados nas últimas semanas na rexión, que hoxe concentra o 77,1% dos novos casos rexistrados nas últimas horas, ata 311 a nivel nacional.

O Consello de Ministros tamén aprobou hoxe que o resto de Portugal pase ao nivel inferior de estado alerta. Neste sentido, o primeiro ministro luso, António Costa, asegurou en conferencia de prensa que, aínda que se pase ao estado de alerta, os cidadáns non deben baixar as medidas de prevención.

Por iso, a partir de agora, Portugal aplicará sancións de entre 100 e 500 euros para as persoas que non cumpran as normas e de entre 1.000 a 5.000 euros para as empresas.

Costa tamén lembrou que Portugal é o sexto país da Unión Europea que máis test practica por cada millón de habitante, por detrás de España (5º), Chipre, Reino Unido, Lituania e Dinamarca (1º).

Porén, o país luso pasa a ser o segundo país europeo con peor ratio de contaxios por 100.000 habitantes, só superado por Suecia.

Noticias web

25/06/2020