CRTVG

Buscar

Portugal prorroga o peche de fronteiras con España 15 días

Publicado o 09/06/2020 19:15
Portugal prorroga o peche de fronteiras con España 15 días

Portugal rexistrou hoxe 421 novos positivos por coronavirus, o maior aumento absoluto no último mes, a maioría na zona de Lisboa e Val do Texo, onde desde mediados de maio se dispararon o número de infectados. Segundo informou hoxe a Dirección Xeral de Saúde (DGS) de Portugal, dos 421 positivos das últimas 24 horas, 381 foron detectados en Lisboa e Val do Texo.

Portugal contabiliza desde que se iniciou a pandemia 35.306 positivos e 1.492 falecidos, dos que sete foron rexistrados nas últimas 24 horas. O brote de coronavirus en diferentes municipios da contorna de Lisboa desencadeouse desde mediados de maio, con focos en empresas, entre traballadores da construción civil ou nalgúns barrios marxinais.

Debido a esta situación, Lisboa foi a única rexión do país onde as medidas restritivas continúan, despois de que o pasado 1 de xuño o resto de Portugal avanzara á terceira e última fase da desescalada.

Debido ao aumento de casos, Lisboa era a única zona onde aínda non están abertos ao público os centros comerciais que, en principio, volverán funcionar a partir do próximo 15 de xuño.

No día de hoxe, o Consello de Ministros de Portugal prorrogou por outros 15 días o peche dos puntos fronteirizos con España, ata o 30 de xuño. Só poden cruzar a fronteira polos nove pasos habilitados traballadores transfronteirizos ou vehículos de transporte de mercadorías.

En principio, se a situación de ambos países é favorable, as fronteiras retomarían a normalidade para partir do 1 de xullo.

Portugal mantivo o estado de emerxencia durante mes e medio ata o 3 de maio, momento en que se declarou o estado de calamidade para rebaixar as restricións, que se mantén en vigor. 

Noticias web

09/06/2020