Portugal porá semáforos de ocupacións nas praias
En Portugal tamén toman moi en serio as restricións que van seguir, sobre todo nas praias. Hai moita xente pensando en pasar alí as vacacións e as autoridades planifican a tempada a fondo.
Hai moita expectación, non só fóra do país, aquí mesmo, en Portugal, o comité que decide as restricións nas praias está sendo presionado para que conten xa como vai ser iso de ir aos areais en tempos de pandemia.
Quizais o detalle máis curioso xa transcendeu, e é que as praias portuguesas van ter un semáforo que nos dirá como de cheo está o areal e se nos paga a pena baixar do coche para ir. O comité de saúde anunciará a semana que vén a distancia exacta que se vai ter que manter entre bañistas, ademais doutras normas básicas.
Turismo de Portugal prepara unha forte campaña de información para nacionais e estranxeiros para que se cumpran as regras e non haxa que recuar na desescalada. O luns que vén abren as terrazas de bares e restaurantes e aquí si que xa sabemos as normas: levar máscara, dous metros de separación entre mesas e desinfectar o negocio 6 veces ao día.