CRTVG

Buscar

A repunta de casos en Lisboa e a súa contorna retarda a desescalada en Portugal

Publicado o 29/05/2020 18:27

Portugal rexistrou nas últimas 24 horas 350 novos casos positivos de Covid-19, o máis alto do últimas tres semanas, e o 92% dos novos contaxios detectáronse na rexión de Lisboa e o Val do Texo, onde se centran as preocupacións das autoridades.

Segundo o último boletín da Dirección Xeral de Saúde, o número de casos positivos rexistrados desde o inicio da pandemia chegou a 31.946, cun total de 1.383 falecementos, 14 nas últimas 24 horas.

A rexión de Lisboa e Val do Texo concentra a gran maioría dos casos da última semana, despois de identificarse varios focos, especialmente en municipios da periferia da capital. Existen uns 4.400 casos activos nesta rexión, na que se identificaron focos de maior ou menor dimensión en obras de construción, empresas, residencias de anciáns e algúns barrios.

Ante esta situación, Portugal retarda a desescalada. O luns comeza a terceira fase e o Goberno decidiu que en Lisboa manteranse unha serie de restricións que serán revisadas o 4 de xuño: non poderán abrir os centros comerciais a partir do día 1 como no resto do país e os vehículos privados (aínda que non o transporte público) non poderán levar máis de dous terzos de ocupación.

Se en todo o país se permiten reunións de ata 20 persoas, no caso de Lisboa o máximo será de 10. 

Este "aumento moi significativo" na área metropolitana de Lisboa, segundo o primeiro ministro, António Costa, débese a focos de expansión do virus entre traballadores temporais ou da construción civil. 

No resto de Portugal, a partir do 1 de xuño abrirán ao público os centros comerciais e as tendas de máis de 400 metros cadrados, mentres que os restaurantes, que ata o de agora só podían traballar ao 50% da súa capacidade, xa poderán operar ao 100%, aínda que con distancias mínimas entre mesas de metro e medio. 

Costa tamén avanzou que nesta terceira fase da desescalada xa non será obrigatorio o teletraballo, excepto para pais que teñan que coidar a fillos menores de doce anos, persoas con deficiencias superiores ao 60% ou  inmunodeficientes ou cando a empresa non garanta as condicións de seguridade e hixiene necesarias. 

A terceira fase da desescalada supoñerá a reapertura de ximnasios, cinemas, teatros ou auditorios ao aire libre ou cubertos, aínda que con medidas de distanciamento. 

O luns tamén se poderán oficiar misas en Portugal, aínda que con máscara, distancia entre os fieis e circuítos de entrada e saída das igrexas.

O Reino Unido supera os 38.000 mortos por Covid-19 tras sumar 324 decesos

O Goberno británico comunicou este venres 324 novas mortes por Covid-19, o que eleva a cifra total de falecidos desde que comezou a pandemia no Reino Unido ata 38.161. 

En 24 horas detectáronse 2.095 contaxios e leváronse a cabo 131.458 probas diagnósticas no país, mentres o Executivo mantén os seus plans para reabrir escolas primarias e relaxar medidas de distancia social en Inglaterra a partir do luns.

Italia rexistra 87 mortos o último día e máis de 500 novos contaxios

Italia rexistrou 87 mortos con coronavirus as últimas 24 horas, cifra superior a onte xoves, e o total de falecidos ascende xa a 33.229, segundo os últimos datos de Protección Civil. 

Os novos contaxios son 516, algo inferior a onte e na mesma liña desta semana, e máis dun terzo destes casos son de Lombardía, a rexión que foi máis duramente golpeada pola epidemia. 

Máis de 152.000 persoas xa se curaron e actualmente seguen sendo positivas unhas 46.000, das cales só unhas 7.000 están hospitalizadas e 475 ingresadas en coidados intensivos.

Francia rexistra 61 novas mortes en hospitais ata un total de 28.714

Francia rexistrou este venres 61 novas mortes en hospitais nas últimas 24 horas, que elevan a cifra de falecementos por coronavirus no país desde o inicio da epidemia ata os 28.714. Desas 28.714 mortes desde o pasado 1 de marzo, 18.387 producíronse en hospitais e as outras 10.327 en residencias de anciáns e centros de dependencia, indicou nun comunicado a Dirección Xeral de Sanidade.

A día de hoxe, 14.695 persoas atópanse hospitalizadas por COVID-19 e delas 1.361 atópanse en unidades de coidados intensivos, onde o saldo neto entre ingresos e altas mantense en negativo, con 68 pacientes menos nun día.

Francia iniciará a segunda fase da súa desescalada o próximo 2 de xuño, data na que poderán reabrir por exemplo bares e restaurantes, mentres que parques e xardíns volverán estar dispoñibles desde esta fin de semana. 

Noticias web

29/05/2020