CRTVG

Buscar

Portugal nega "descontrol" en Lisboa, convertida xa na rexión máis afectada do país

Publicado o 24/06/2020 18:01
Portugal nega "descontrol" en Lisboa, convertida xa na rexión máis afectada do país

As principais autoridades de Portugal negaron hoxe que exista calquera tipo de "descontrol" sobre os brotes de coronavirus detectados na rexión de Lisboa, que ten desde esta semana novas restricións e que hoxe se converteu na zona do país con máis casos desde que comezou a pandemia.

A rexión de Lisboa e Val do Texo é, desde hoxe, a que máis casos acumula en todo o país, ata 17.527, superando por case 200 casos á rexión Norte, que foi onde se declarou a epidemia e a zona máis golpeada de Portugal. 

Nas últimas 24 horas, a área da capital volveu aglutinar a maioría de novos casos, como ocorre desde hai varias semanas: ata o 87 % dos 367 infectados na última xornada. En total, o país ten 1.543 falecidos e 40.104 contaxiados desde que comezou a pandemia.

"Os números mostran que non hai descontrol, haberíao se houbese máis do dobre (de casos), metendo presión o número de ingresados en coidados intensivos", dixo hoxe o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, ao termo dunha reunión de varias horas con especialistas. Nesa reunión tamén estivo presente o primeiro ministro, António Costa, e membros dos partidos con representación parlamentaria, para analizar as cifras das últimas semanas. 

Rebelo de Sousa insistiu en que o país realiza un elevado número de tests, afirmando que é "o quinto" país con máis probas realizadas por cada millón de habitantes en Europa. 

Tamén negou descontrol a secretaria de Estado adxunta de Saúde, Jamila Madeira, na que expuxo os últimos datos do coronavirus e tras ser preguntada por informacións que aseguran que a unidade de coidados intensivos dun dos hospitais da área metropolitana está xa ao 87 % da súa capacidade. Ningún hospital, dixo, "está nunha situación en que non consiga acomodar as necesidades ata o de agora apuntadas". 

Con todo, algúns partidos presentes na reunión expresaron preocupación pola situación na área metropolitana de Lisboa, onde desde este martes hai novas restricións para conter a covid-19, como prohibición de reunión de máis de 10 persoas e o peche de establecementos, salvo restaurantes, a partir das 20.00.

"De acordo cos técnicos, a situación que estamos a vivir é, en palabras deles, o resultado dunha segunda onda e non dun aumento de tests, como se dixo", afirmou o vicepresidente do grupo parlamento do PSD (centrodereita), Ricardo Baptista Leite. 

Tres estados alemáns e Austria vetan a turistas de zona afectada por brote

Tres estados federados alemáns anunciaron un veto a turistas procedentes de zonas próximas á cidade de Gütersloh, onde o brote de coronavirus nun matadoiro, con case 1.800 casos confirmados entre empregados e a súa contorna, obrigou a reintroducir medidas restritivas. Austria, pola súa banda, emitiu unha recomendación en contra das viaxes non só aos distritos afectados, cun total de 640.000 habitantes, como a todo o 'land' de Renania do Norte-Westfalia, o máis poboado de Alemaña, con 18 millóns de cidadáns.

O ministro de Interior austríaco, Karl Nehammer, xustificou esta medida na necesidade de "romper o círculo de infeccións", segundo indicou nunha comparecencia en Berlín co seu homólogo alemán, Horst Seehofer. O ministro alemán, pola súa banda, expresou a súa comprensión tanto cara á medida adoptada polo país veciño como polo veto ditado por algúns 'Länder' de Alemaña e lembrou que ditas competencias corresponden no seu país aos poderes rexionais.

Os estados federados de Mecklemburgo- Antepomerania (nordés), Baviera (sur) e Baixa Saxonia (noroeste) decretaron unha prohibición á hospedaxe de persoas procedentes dos distritos de Gütersloh e Warendorf, ambo afectados polo brote da empresa cárnica Tönnies de Renania do Norte-Westfalia.

A reintrodución de medidas restritivas, como a de reducir os contactos ao núcleo familiar ou outras formas de convivencia nun fogar e o peche de locais e instalacións públicas e privadas, afecta os 640.000 habitantes dos distritos de Gütersloh e Warendorf. Ata o de agora, os contaxios verificados son en traballadores da planta cárnica ou persoas da súa contorna. Os preto de 300 tests realizados ao longo deste mércores confirmaron esta tendencia, aínda que se está á espera de análises posteriores para corroboralo. 

 

Noticias web

24/06/2020