CRTVG

Buscar

Portugal inicia un novo confinamento tras alcanzar o récord de 10.700 contaxios

Publicado o 15/01/2021 11:22

Portugal comeza hoxe un novo confinamento, que previsiblemente se estenderá durante un mes. O país veciño trata de aplacar así a terceira onda da pandemia, tras notificar onte 148 mortes e o récord de 10.698 novos casos de coronavirus. Os hospitais lusos están chegando ao límite.

Segundo o último boletín da Dirección Xeral de Saúde (DGS), Portugal, con 10 millóns de habitantes, conta un total de 8.384 falecidos e 517.806 contaxios desde que comezou a pandemia. Nas últimas 24 horas a presión hospitalaria seguiu subindo e marca récord da pandemia con 4.368 persoas ingresadas en hospitais (128 máis que o día anterior), das cales 611 están en coidados intensivos (15 máis). Ademais, hai actualmente 121.815 casos activos, 5.487 máis que a xornada anterior.

A situación abocou a Portugal a un novo confinamento que será similar ao de marzo de 2020, pero coa gran diferenza de que os centros educativos esta vez manteranse abertos. Desde hoxe, os portugueses terán que permanecer en casa excepto para actividades esenciais como traballar (sendo obrigatorio o teletraballo sempre que sexa posible), comprar alimentos ou medicamentos, acudir ao médico, asistir a anciáns ou realizar pequenos paseos ou deporte ao aire libre. A estas excepcións engadirase o día 24 de xaneiro a liberdade de movemento para acudir a votar nas eleccións presidenciais.

Pecha ademais todo o comercio que non sexa esencial e a restauración só poderá operar con entregas a domicilio e para levar. O confinamento chega no momento "máis perigoso" da pandemia, segundo avisou o primeiro ministro, António Costa, cuxo Goberno rexistra unha baixa por covid: a ministra de Traballo, Solidariedade e Seguridade Social, Ana Mendes Godinho, que se mantén illada tras dar positivo e presenta "síntomas lixeiros".

Outros dous ministros, os de Ambiente e do Mar, están tamén en illamento tras manter contacto con positivos, aínda que deron negativo. 

 

Noticias web

15/01/2021