CRTVG

Buscar

Por primeira vez, suspéndese en España un partido de Liga por insultar e chamarlle "nazi" a un xogador

Publicado o 16/12/2019 09:46
Por primeira vez, suspéndese en España un partido de Liga por insultar e chamarlle "nazi" a un xogador

O partido entre o Raio Vallecano e o Albacete quedou definitivamente suspendido no descanso e non se xogará a segunda parte, debido aos cánticos na súa contra que sufriu o xogador do conxunto manchego Roman Zozulya durante toda a primeira metade.

Unha parte da afección do Raio, a situada no único fondo do estadio, cantou en reiteradas ocasións durante a primeira metade "Roman Zozulya, puto nazi".

Os cánticos provocaron que o árbitro parase o partido durante uns instantes na primeira metade para que se pedise por megafonía o cesamento dos insultos.

"Nin por racismo, nin por xenofobia, nin por violencia. A primeira vez que se suspende un partido en España é por dicir a verdade. Zozulya é un nazi", insistiron os 'bukaneros' nas súas redes sociais horas despois da suspensión do partido, o primeiro que non se pode disputar en España polos berros e insultos contra un futbolista, aínda que en países como Italia xa se viviron situacións similares durante esta tempada, en que foron interrompidos ata tres partidos.