CRTVG

Buscar

O BNG presenta as súas cabezas de lista aspirando a todo

Publicado o 02/03/2020 13:02

O BNG presentou hoxe as cabezas de lista das catro provincias para as eleccións do 5 de abril. A candidata á Xunta, Ana Pontón, será a número 1 pola Coruña. Olalla Rodil encabeza a lista de Lugo; Noa Presas a de Ourense e Luís Bará a de Pontevedra. Todos repiten, xa que foron deputados nesta lexislatura que acaba de rematar.

Ana Pontón destacou a incorporación nas listas de persoas que non formaban parte antes do BNG. E reiterou a súa intención de converterse na próxima presidenta da Xunta.

Ademais, a portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, dixo este luns que non ten "ningunha dúbida de que 2020 vai ser o ano en que se transfira a AP-9 a Galicia".

Na conferencia de prensa de presentación dos candidatos do BNG, Ana Pontón mostrou a súa confianza no traspaso das competencias porque así "está asinado" no pacto de Goberno que os nacionalistas galegos asinaron co PSOE a cambio de facilitar a investidura de Pedro Sánchez.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, votou si á investidura do presidente socialista tras alcanzar un acordo que, entre outros puntos, incluía a transferencia a Galicia da autoestrada AP-9 este mesmo ano e bonificacións nas peaxes para os usuarios recorrentes.

Ana Pontón reivindicou que ese punto do acordo é "un logro que conseguiu o BNG, pero que é de todos os galegos".

Ademais, a líder do Bloque sinalou que confía en que a autoestrada sexa a "primeira de moitas outras competencias que necesita Galicia", xa que a comunidade galega "non pode seguir cun autogoberno conxelado".

Con todo, alertou sobre o perigo que supoñería para este traspaso de competencias que fosen o PPdeG e Alberto Núñez Feijóo os que seguisen á fronte da Xunta, xa que "se en once anos" do seu Goberno non houbo "ningunha nova competencia, se cadra dedícase a boicotear" a asinada entre PSOE e BNG.

"Está claro que con Feijóo non a teremos", incidiu Pontón, que insistiu en que para dotar a Galicia de máis competencias e máis autogoberno é necesario contar co BNG na Xunta.